A violencia de xénero non é sempre visible

11 nov. 2011


"A violencia non é sempre visible", da deseñadora danesa Trine Sejthen, é o cartel gañador do primeiro premio do concurso europeo de publicidade convocado polo Centro Rexional de Información das Nacións Unidas para Europa Occidental (UNRIC) co tema: Non á Violencia contra a Muller. 

Trine Sejthen da no cravo nunha circunstancia común na sociedade na que vivimos, a da violencia invisible e a do enmascaramento da violencia. Enmascarar (pola propia vítima en primeiro lugar) ou desviar a atención cara a outro lado é habitual na nosa sociedade ("o que non se ve non existe"...). Para non recoñecela como tal, chegáronse a inventar todo tipo de mitos e lendas, que pretenden, como todo mito e lenda, explicar o inexplicable por medio de feitos non comprobables, pero que de tanto repetilos acaban por ser cridos por unha enorme cantidade de xente.

  • "A violencia de xénero afecta a moi poucas. É algo raro e illado".
  • "A violencia de xénero afecta só a certo tipo de mulleres, de baixos ingresos, certas situacións desfavorecidas ou culturas minoritarias".
  • ...
A realidade é que a violencia de xénero ten varias expresións, ramificacións, tipos e modalidades e non sempre toma formas extremas de maltrato ou amosa signos de violencia aparente. Violencia ou abuso por parte do seu compañeiro intimo, o seu compañeiro de traballo ou algún home da súa familia sófrena mulleres de todo o mundo e de toda clase, condición e procedencia: mozas, maiores, ricas, pobres, cultas, analfabetas, urbanas, rurais..

O obxectivo da iniciativa «Create 4 the UN» organizada por UNRIC co apoio de ONU Mulleres é aumentar a sensibilidade sobre este problema que afecta a unha de cada tres mulleres en todo o mundo.  

Máis de 2.700 anuncios de 40 países europeos presentáronse a este concurso. O premio do xurado será entregado o vindeiro 24 de novembro en Madrid nunha cerimonia organizada pola Fundación La Caixa, a institución doante do premio. 

Ademais do premio do xurado outorgado a Trine Sejthen, deseñadora e fotógrafa danesa, outros dous deseñadores de Kósovo e Francia foron gañadores (categorías: votación popular e mocidade):

  1. «A violencia non é sempre visible» (ela ten tres costelas rotas, dous dentes frouxos, 5 queimaduras de cigarros na súa perna ... non sempre se pode contar). Trine Sejthen. Dinamarca. Primeiro premio. Xurado de expertos.
  2. «Trátame como a unha Muller». Gjoke Gojani. Kósovo. Gañador da votación popular.
  3. «Palabras». Raphaelle Moreau. Francia. Premio da Mocidade, para menores de 25 anos.
As palabras de Sejthen cando coñeceu a noticia foron: "Quero que a xente pense que esta muller podería ser calquera, non se pode saber se é rica ou pobre, podería ser a túa irmá, unha amiga ou alguén que se senta ao teu lado no autobús".

Os premios anunciáronse nunha cerimonia en Bruxelas que contou coa presenza de Androulla Vassiliou, Comisaria Europea de Educación e Cultura (a Comisión Europea forma parte do grupo de socios, tanto públicos como privados, que ten o concurso europeo de publicidade convocado por UNRIC. Entre outros inclúese unha coalición de máis de 20 medios de comunicación de toda Europa). Durante a cerimonia, Dagmar Schumacher, Directora da Oficina de ONU Mulleres de Bruxelas, lembrou que a violencia contra as mulleres é unha pandemia mundial de proporcións alarmantes, que non ten fronteiras nacionais, sociais, económicas, culturais ou relixiosas. 

Afsané Bassir-Pour, Directora de UNRIC, eloxiou o entusiasmo co que Europa participou no concurso sinalando: "o noso obxectivo foi aumentar a conciencia sobre este asunto, axudar a romper o tabú, e facer isto a través da comunidade creativa europea. Unha imaxe, como din, vale máis que mil palabras".

O anuncio gañador será publicado en varios xornais europeos cando conclúa oficialmente o concurso o 25 de novembro, Día Internacional para a Eliminación da Violencia contra a Muller.

Web do concurso Create 4 the UN

ÚNETE - Fin da violencia contra a muller

O concurso  «Create 4 the UN» forma  parte da Campaña  do Secretario Xeral de Nacións Unidas ÚNETE- Fin da violencia contra a muller. 

En febreiro de 2008, o Secretario Xeral das Nacións Unidas, Ban Ki-moon, emprendeu a súa campaña «Únete para pór fin á violencia contra as mulleres», unha iniciativa multianual encamiñada a previr e eliminar a violencia contra mulleres e nenas en todas as partes do mundo.

A campaña reúne a unha serie de organismos e oficinas da ONU para impulsar a acción en todo o sistema das Nacións Unidas a fin de previr e sancionar a violencia contra as mulleres en todas as súas formas. A través desta iniciativa, a ONU aúna esforzos cos individuos, a sociedade civil e os gobernos.

Para 2015, ÚNETE enfócase en alcanzar os seguintes cinco obxectivos en todos os países:

  1. Adoptar e facer valer as leis nacionais para tratar e castigar todas as formas de violencia contra mulleres e nenas.
  2. Adoptar e implementar plans de acción nacionais de sectores múltiples.
  3. Fortalecer a recompilación de datos sobre o predominio de violencia contra mulleres e nenas.
  4. Aumentar a conciencia do público e a mobilización social.
  5. Tratar a violencia sexual durante conflitos.


MÁIS INFORMACIÓN:

2 comentarios:

conchitalloria dijo...

Hola soy conchita Lloria, Leo por primera vez vuestro blog y me parece muy interesante. Espero participar de vuestra informacion, y poder a la vez daros mi opinion sobre la violencia que tengo, pues creo que es una violencia social, que termina despues en violencia de género. Poner tiritas a las ramas no solucionan los graves problemas,. Hay que ir a la raiz del arbol, para saber con que semilla se plantó ese conocimiento, y que frutos podridos esta produciendo. Hay que se valientes a la hora de saber enfrentarse a ello con la verdad. Un saludo Conchita

CIM de Poio dijo...

Ola Conchita, graciñas polo teu comentario!. Estas convidada a participar neste espazo sempre que queiras. Sen lugar a dúbidas hai que ser valentes. A valentía é o común denominador de moitas mulleres que están a mudar o mundo que coñecemos.