MANIFESTO DO 25
DE NOVEMBRO, DÍA DA NON VIOLENCIA CONTRA AS MULLERES
Vivir sen
violencia é un dereito. A violencia machista conculca os nosos
dereitos e pon en perigo a vida de moitas de nós, é a manifestación
máis terríbel da desigualdade entre homes e mulleres que persiste
na sociedade actual. Lembramos hoxe a Julia, Iria e Marisol, as tres
vítimas galegas desta lacra social, que no que vai de ano segou a
vida de 53 mulleres.
É obriga das
Administracións públicas poñer os medios para erradicar a
violencia de xénero e protexer ás vítimas e non exercer un novo
modelo de violencia contra elas, como é a violencia estrutural, que
se plasma na recente modificación da Lei de taxas xudiciais, que
cuestiona o dereito á tutela xudicial e que supón unha indefensión
para toda a cidadanía e especialmente para as vítimas de violencia
machista, que non poderán acudir ós xulgados a denunciar ó seu
agresor nin solicitar o divorcio ou a separación polo custe
económico que vai lles supor e noutras medidas adoptadas polo
goberno central que supoñen a perda
de dereitos , como o dereito a decidir das mulleres sobre os seus
corpos, os seus dereitos sexuais e reprodutivos.
Estamos
a ver como o medre do paro, o desmantelamento dos servizos públicos
e os recortes nos orzamentos dos gobernos en políticas de igualdade
e sensibilización, está empobrecendo de xeito especial ás
mulleres e afectando gravemente á nosa vulnerabilidade ante a
violencia machista.
Con estas medidas
foméntase á violencia económica sobre ás vítimas, a dependencia
económica é o maior dos obstáculos para que rachen coa relación
que pon en perigo as súas vidas. Os recortes en programas e recursos
imprescindíbeis para apoiar ás mulleres que deciden dar o paso como
é o salario da liberdade, chegou en 2010 a 369 mulleres e tan só
a 251 en 2011. Compre lembrar que en Galiza, dende 2009 redúcense
cada ano as denuncias, tanto en números absolutos de 6.068 en 2009,
a 5.153 en 2011, como na porcentaxe que supón das denuncias no
Estado, do 4,5% en 2009 ao 3,8% en 2011, sen que esta redución se
poda achacar a unha redución da incidencia da violencia machista na
sociedade galega.
O acompañamento
das mulleres para accederen aos recursos e nos procesos xudiciais é
garantía de seguridade para elas e pode evitar que o medo, a
presión, as faga volver co maltratador.
Tampouco podemos
deixar de denunciar que o goberno estatal pretenda modificar o código
penal para facer desaparecer o termo “violencia de xénero”, coa
finalidade de invisibilizar un problema social e rebaixar a carga
punitiva dos delitos machistas.
A crise
económica non pode ser xustificación para a posta en marcha de
políticas que merman os dereitos conqueridos das mulleres, que ás
discrimina e que supón un retroceso na loita mantida contra esta
lacra socia.
Contra
a violencia machista, ningún pasa atrás.!!
No hay comentarios:
Publicar un comentario