Exposición "Elas Ensinan"

2 oct 2011


O 5 de outubro de 2011 inauguramos no Casal de Ferreirós a exposición ELAS ENSINAN, mostra cedida pola Secretaría Xeral da Igualdade ao Centro de Información á Muller no marco das súas actividades de fomento da igualdade, difusión e sensibilización cidadá.

Esta exposición pretende dar a coñecer aspectos da sociedade dende unha perspectiva de xénero a través do exemplo de mulleres educadoras e pedagogas que nos séculos XIX e principios do XX (unha etapa de dificultades económicas, históricas e sobre todo sociais) se incorporaron ao mercado laboral.


A exposición consta de 20 paneis (2 explicativos sobre os contidos e 18 sobre a vida e o traballo de 18 mestras seleccionadas): 

  • Matilde Bares Giráldez
  • Ángela Blanco Pérez
  • Celia Brañas y Fernández Miranda
  • Blanca Calvo Moraso
  • Elena Cortizas Figueroa
  • María Dolores Díaz Baliño
  • Otilia Doniz Álvarez
  • Sarah Escarpizo Lorenzana Couto
  • María de las Mercedes Goicoa Fernández
  • Maruxa Gutiérrez González
  • Josefa Iglesias Vilarelle
  • Sara Leirós Fernández
  • Antonia Marbán Vázquez
  • Antonia Ortiz Currais
  • Milagros Otero Túñez
  • Carmen Pardo Losada
  • María Ignacia Ramos Díez 'María Silgar'
  • Trinidad Valcarce Pestaña

A mostra complétase cunha base de datos na que se poden consultar as biografías das 547 educadoras que son parte da obra na que se basea a exposición, "Mulleres na Educación en Galicia" pero que non aparecen nos paneis.  (Mulleres na Educación en Galicia. Coord. María José Mendez Lois. Xunta de Galicia. 2009. ISBN: 978-84-453-4809-3).

A historia da escola en Galicia está chea de nomes femininos. Estas precursoras da pedagoxía apostaron con paixón e dedicación polo ensino. Na loita pola igualdade real, a docencia foi un dos ámbitos nos que a muller foi quen de penetrar con maior celeridade e profundidade. Non te perdas esta homenaxe á participación feminina no mundo laboral e ao seu papel transformador da sociedade.



>> Días e horario de apertura <<

Do 5 ao 13 de outubro no Casal de Ferreirós (horario de mañá).
Do 13 ao 19 de outubro no IES de Poio.



No hay comentarios: