Gloria García Martínez e Cristina González, foron asasinadas este ano por seren mulleres. A mans da súa ex-parella no primeiro caso e do seu cónxuxe no segundo. Tiñan 19 e 39 anos e eran veciñas de Noia e Vigo.
Xunto a estas dúas galegas, 59 mulleres máis foron asasinadas no que vai de ano en España polo mero feito de seren mulleres. Os xulgados galegos tramitaron máis de 1.017 ordes de protección, e calcúlase que ao redor de 800.000 nenos e nenas son vítimas indirectas desta violencia, necesitando eles/elas e as súas nais, unha protección especial e o apoio de toda a cidadanía para saír da espiral da violencia que sofren, sufriron ou sufrirán.
A violencia de xénero é unha lacra social que non coñece de fronteiras ou culturas.
A violencia cara as mulleres, nas súas diferentes formas, é un dos problemas máis graves o que se enfronta actualmente a nosa sociedade. O maltrato familiar, os abusos sexuais, o acoso sexual, a mutilación xenital, a explotación e o tráfico de mulleres e nenas, son manifestacións que constitúen un atentado contra os dereitos humanos e a dignidade das persoas, especialmente contra a liberdade das mulleres, impedindo que a sociedade avance pola senda do benestar e do progreso social que desexamos.
Ademais das manifestacións de maltrato evidente danse tamén situacións de maltrato encuberto. Aceptar socialmente en forma de chiste, comentarios e actitudes machistas, celos argumentados, control no xeito de vestir, nos cartos, nas relacións sociais, no tempo, son a expresión dunha orde social de desigualdade, que asina roles diferentes ás persoas en función do seu sexo e que subordina e/ou invisibiliza o feminino fronte o masculino.
Nos últimos anos dende todos os ámbitos adoptouse un papel activo para erradicar a violencia que se exerce contra as mulleres, fomentado cantas medidas fosen necesarias para apoiar as vítimas e atopar unha solución definitiva a este problema, o que supuxo un avance importante na concienciación e sensibilización social ante este tipo de violencia. Pero non é suficiente. A loita contra a violencia de xénero, é unha tarefa común. Temos que xuntar esforzos e compromisos, “queremos que a violencia de xénero desapareza”.
Estamos convencidas e convencidos que só a través dunha responsabilidade compartida entre o conxunto da cidadanía e as administración públicas, poderemos erradicar definitivamente esta terrible lacra social.
Dende o Concello de Poio e o Centro de Información a Muller asumimos o noso compromiso persoal de loitar contra todo tipo de violencia: denunciando as agresións, apoiando ás vítimas, non permanecendo impasíbeis ante a violencia e transmitindo ás xeracións futuras o respecto á igualdade das mulleres e homes. Actuar sobre a violencia machista supón actuar sobre as causas profundas que teñen que ver coa cultura, coa educación, cos valores. A igualdade é a nosa meta e a educación unha das principais ferramentas para acadala.
Non esquezamos que o silencio é o noso peor inimigo e o mellor remedio a denuncia, non só a da propia vítima senón tamén a da súa contorna. Non hai lugar para o medo, non hai motivo para crer que non é posíbel pór fin a esta situación.
Hoxe lembramos a Gloria e a Cristina, e a todas as mulleres vítimas de malos tratos máis tamén queremos lembrar a todas as persoas anónimas que, nalgún caso, deron a súa vida por axudar a quen estaba sufrindo unha agresión destas características. Non queremos deixar de pensar nelas nin un intre, por solidariedade, por compromiso, por vinculación. A nosa esperanza é rematar coa violencia de xénero.
Manifesto do Día Internacional contra a Violencia de Xénero
Concello de Poio, 25 de novembro de 2011
Por que o 25 de novembro é o Día Internacional contra a Violencia de Xénero?
A elección do 25 de novembro como data internacional da loita contra a violencia á muller foi un acordo tomado polas participantes no Encontro Feminista Latinoamericano e do Caribe, levado a cabo en Bogotá en 1981, aceptando a solicitude da delegación de República Dominicana que propoñía que deste xeito se rendira homenaxe ás irmas Mirabal: Minerva, Patria e María Teresa. Elas son un exemplo vivo do tipo de muller comprometida coas loitas do seu pobo.
As tres irmas caeron pola violencia do réxime de Trujillo, quen durante 30 anos mantivo o pobo dominicano no atraso, na ignorancia e o caos. En 1960 o pobo dominicano descontento e farto xa dunha ditadura tan longa todos os días levaba a cabo loitas polas rúas contra as forzas militares represivas que sostiñan ao ditador.
As irmas Mirabal naceron na sección "Ojo de Agua", provincia de Salcedo. As condicións de vida que se daban no país e a zona onde viviron, consecuencia do dominio estadounidense e o atraso das relacións de produción, determinaron a súa sensibilidade fronte aos agudos problemas sociais. A participación activa das irmas Mirabal na loita contra Trujillo ganoulles a fama de revolucionarias, motivo máis que suficiente para que en certa ocasión Trujillo manifestara ante un grupo de persoas que os seus dous únicos problemas eran as irmas Mirábal e a Igrexa.
Que pasou o 25 de novembro de 1960?
Minerva e María Teresa foron a visitar aos seus cónxuxes ao cárcere, en compañía da súa irmá Patria. Foron interceptadas nun lugar solitario do camiño polos axentes do Servizo Militar de Intelixencia. Conducidas a un canaveral próximo, foron obxecto das máis crueis torturas, antes de seren vítimas do que foi considerado o crime máis arrepiante da historia dominicana. Cubertas de sangue, esnaquizadas a golpes, estranguladas, foron postas novamente no vehículo no que viaxaban e arroxadas a un precipicio, coa finalidade de simular un accidente.
O asasinato das irmas Mirabal produciu un grande sentimento de dor en todo o país, pero serviu para fortalecer o espírito patriótico dun pobo desexoso de establecer un goberno democrático que garantise o respecto á dignidade humana.
A memoria destas valentes irmas, que arriscaron as súas vidas e llas deron, efectivamente, pola causa da muller enchenos de esperanza e danos forza para seguir loitando por unha sociedade igualitaria na que mulleres e homes podamos vivir en fraternidade humana.
A memoria destas valentes irmas, que arriscaron as súas vidas e llas deron, efectivamente, pola causa da muller enchenos de esperanza e danos forza para seguir loitando por unha sociedade igualitaria na que mulleres e homes podamos vivir en fraternidade humana.
No hay comentarios:
Publicar un comentario