Mostrando entradas con la etiqueta mulleres. Mostrar todas las entradas
Mostrando entradas con la etiqueta mulleres. Mostrar todas las entradas

8 de Marzo: Día Internacional da Muller

8 mar 2012



A crise económica que estamos a vivir e a falta de alternativas xustas e sociais golpea de maneira especial ás mulleres. A feminización da pobreza é xa un feito na nosa sociedade facendo desaparecer avances acadados en decenios de esforzos de acción positiva.

O paro feminino medra por riba do masculino así como o número de mulleres inactivas que desisten de buscar emprego. A nova precarización do mercado laboral e o recorte nas pensións afectará máis negativamente ás mulleres, que son maioría nos traballos a tempo parcial e na economía somerxida, cun promedio de menos anos de cotización e tamén son maioría como perceptoras de pensións non contributivas. Os recortes de servizos sociais e de atención á dependencia forzan a máis mulleres a asumir de novo o papel de coidadoras non retribuídas. Todos eles son pasos atrás na procura da independencia económica imprescindíbel para rachar a situación de convivencia de parella violentas.

Ante este deterioro das condicións de vida das mulleres galegas, teríanse que fortalecer as políticas de igualdade e reditributivas e convertelas en axentes activos na procura dos dereitos da cidadanía.

Somos mulleres e temos dereitos conqueridos á base da loita de moitos anos polas organizacións feministas entre eles a despenalización do aborto, o recoñecemento dos Plans de Igualdade do ámbito laboral, nas administracións públicas e na nosa propia identidade que implica utilizar unha linguaxe que nos nomee e que non nos simplifique usando como excusa a economía da linguaxe. Queremos lembrar que a linguaxe está viva e que como tal ten que evolucionar.

A educación en igualdade podería evitar situacións de violencia en todos os ámbitos: familiar, laboral, social, económico e institucional e empoderaría ás xeracións futuras, garantía dunha sociedade en igualdade.

Dende o Concello de Poio e o Centro de Información á Muller asumimos o noso compromiso persoal e profesional de seguir loitanto a prol da igualdade".

Manifesto do Día Internacional da Muller
Concello de Poio, 8 de marzo de 2012



Ler máis...

Nadal de Ocio en Feminino

19 dic 2011

Estas son algunhas das nosas propostas para o teu tempo de lecer nestas datas de Nadal. Fotografía, pintura e literatura. Visións e perpectivas en feminino. Mulleres na tradición e na vangarda. Escolle a túa!:


Exposición fotográfica "Un Mar de Mulleres" 
Até o 23 de decembro de 2011

Mostra de fotografías promovida polo Grupo de Acción Costeira nº 7 Ría de Vigo - A Garda que forma parte dun proxecto de divulgación que tenta trasladar a situación da muller no ámbito laboral do mar nas costas das rías de Aldán, Vigo e Baixo Miño, ámbito do GAC nº 7. O proxecto quere dar a coñecer os diversos oficios que elas realizan no mar, dende as cubertas das embarcacións e as rochas percebeiras, até a unión nas asociacións e os despachos dirixentes. Trátase de visibilizar o mar de mulleres que cada día avanza nas nosas costas e impulsa a pervivencia e continuidade do sector produtivo mariño.

Lugar: Punto Xove - Concello de Vigo (Rúa López de Neira 27, Vigo).
Horario: de luns a venres de 9.30 a 14:00h. - de luns a xoves de 17:00 a 20:00h.
Máis información: Tlf. 986 223 004, puntoxove@vigo.org, xuventude@vigo.org



Exposición "Camiños en Feminino. Arte 2011-2012"
Até o 22 de xaneiro de 2012

Esta mostra colectiva de pintura amosa a visión de varias mulleres artistas sobre o Camiño Portugués a Compostela. Conta coa participación de: Adriana Martín, Amelia Palacios, Ángeles Iglesias, Basilisa Fiestras, Beatriz Suárez, Carmen Cabaneiro, Carmen Hermo, Carolina Miranda, Chuneta, CocoPimentel, Glau Fonseca, Helga Mader, Kuqui Pazos, Lidia Costa, Mª Angeles Guillán, Montse Frieiro, Paula Cabaleiro, Paula Mariño, Paz Vicente, Puri del Palacio e Silvia Capelo.

Lugar: Sala de Exposicións do Pazo da Cultura de Pontevedra (Rúa Alexandre Bóveda s/n, 36005 Pontevedra).
Horario: de martes a venres de  17 a 21 h. Sábados de 11 a 14 h e de 17 a 21 h. Domingos e festivos de 11 a 14 h. Luns pechado.



Exposición "Entre Liñas"
Até o 25 de xaneiro de 2012

Exposición de traballos pictóricos do ilustrador Luis Dávila que teñen como protagonista á muller e unha serie de 20 viñetas para a reflexión sobre os problemas que a día de hoxe teñen as mulleres na sociedade (discriminación laboral, violencia de xénero...).

Lugar: Planta baixa do edificio da Delegación Territorial da Xunta de Galicia en Vigo (Rúa Concepción Arenal 8, Vigo).
Máis información: Tlf. 986 817 606.





Presentación da novela "Verbas no Ar"
Xoves, 22 de decembro de 2011

"Verbas no Ar" de Iria Morgade Valcárcel é a obra gañadora por unanimidade do VII Premio Biblos-Pazos de Galicia de novela para menores de 25 anos. 

A novela encadea as revoltas nos países do norte de África coa actitude de descontento e protesta da xuventude protagonista dos movementos que estamos a contemplar no noso entorno cun estilo case propio do panfleto, por agresivo, mesmo incendiario ("Son tempos de combate, de manifestarse contra a inxustiza").

Interveñen: Iria Morgade Valcárcel (licenciada en Ciencias Políticas e escritora), Xabier P. Docampo (escritor e titor do VII Premio Biblos-Pazos de Galicia) e Tucho Calvo (escritor e editor de Biblos).

Lugar: Salón de Actos do Pazo de Mugartegui de Pontevedra (praza da Pedreira 10, Pontevedra)
Hora: 20:00


Ler máis...

25 de novembro de 2011

25 nov 2011


Gloria García Martínez e Cristina González, foron asasinadas este ano por seren mulleres. A mans da súa ex-parella no primeiro caso e do seu cónxuxe no segundo. Tiñan 19 e 39 anos e eran veciñas de Noia e Vigo.

Xunto a estas dúas galegas, 59 mulleres máis foron asasinadas no que vai de ano en España polo mero feito de seren mulleres. Os xulgados galegos tramitaron máis de 1.017 ordes de protección, e calcúlase que ao redor de 800.000 nenos e nenas son vítimas indirectas desta violencia, necesitando eles/elas e as súas nais, unha protección especial e o apoio de toda a cidadanía para saír da espiral da violencia que sofren, sufriron ou sufrirán.

A violencia de xénero é unha lacra social que non coñece de fronteiras ou culturas.

A violencia cara as mulleres, nas súas diferentes formas, é un dos problemas máis graves o que se enfronta actualmente a nosa sociedade. O maltrato familiar, os abusos sexuais, o acoso sexual, a mutilación xenital, a explotación e o tráfico de mulleres e nenas, son manifestacións que constitúen un atentado contra os dereitos humanos e a dignidade das persoas, especialmente contra a liberdade das mulleres, impedindo que a sociedade avance pola senda do benestar e do progreso social que desexamos.

Ademais das manifestacións de maltrato evidente danse tamén situacións de maltrato encuberto. Aceptar socialmente en forma de chiste, comentarios e actitudes machistas, celos argumentados, control no xeito de vestir, nos cartos, nas relacións sociais, no tempo, son a expresión dunha orde social de desigualdade, que asina roles diferentes ás persoas en función do seu sexo e que subordina e/ou invisibiliza o feminino fronte o masculino.

Nos últimos anos dende todos os ámbitos adoptouse un papel activo para erradicar a violencia que se exerce contra as mulleres, fomentado cantas medidas fosen necesarias para apoiar as vítimas e atopar unha solución definitiva a este problema, o que supuxo un avance importante na concienciación e sensibilización social ante este tipo de violencia. Pero non é suficiente. A loita contra a violencia de xénero, é unha tarefa común. Temos que xuntar esforzos e compromisos, “queremos que a violencia de xénero desapareza”.

Estamos convencidas e convencidos que só a través dunha responsabilidade compartida entre o conxunto da cidadanía e as administración públicas, poderemos erradicar definitivamente esta terrible lacra social.

Dende o Concello de Poio e o Centro de Información a Muller asumimos o noso compromiso persoal de loitar contra todo tipo de violencia: denunciando as agresións, apoiando ás vítimas, non permanecendo impasíbeis ante a violencia e transmitindo ás xeracións futuras o respecto á igualdade das mulleres e homes. Actuar sobre a violencia machista supón actuar sobre as causas profundas que teñen que ver coa cultura, coa educación, cos valores. A igualdade é a nosa meta e a educación unha das principais ferramentas para acadala.

Non esquezamos que o silencio é o noso peor inimigo e o mellor remedio a denuncia, non só a da propia vítima senón tamén a da súa contorna. Non hai lugar para o medo, non hai motivo para crer que non é posíbel pór fin a esta situación.

Hoxe lembramos a Gloria e a Cristina, e a todas as mulleres vítimas de malos tratos máis tamén queremos lembrar a todas as persoas anónimas que, nalgún caso, deron a súa vida por axudar a quen estaba sufrindo unha agresión destas características. Non queremos deixar de pensar nelas nin un intre, por solidariedade, por compromiso, por vinculación. A nosa esperanza é rematar coa violencia de xénero.

Manifesto do Día Internacional contra a Violencia de Xénero
Concello de Poio, 25 de novembro de 2011



Por que o 25 de novembro é o Día Internacional contra a Violencia de Xénero?

A elección do 25 de novembro como data internacional da loita contra a violencia á muller foi un acordo tomado polas participantes no Encontro Feminista Latinoamericano e do Caribe, levado a cabo en Bogotá en 1981, aceptando a solicitude da delegación de República Dominicana que propoñía que deste xeito se rendira homenaxe ás irmas Mirabal: Minerva, Patria e María Teresa. Elas son un exemplo vivo do tipo de muller comprometida coas loitas do seu pobo.
 
As tres irmas caeron pola violencia do réxime de Trujillo, quen durante 30 anos mantivo o pobo dominicano no atraso, na ignorancia e o caos. En 1960 o pobo dominicano descontento e farto xa dunha ditadura tan longa todos os días levaba a cabo loitas polas rúas contra as forzas militares represivas que sostiñan ao ditador.
 
As irmas Mirabal naceron na sección "Ojo de Agua", provincia de Salcedo. As condicións de vida que se daban no país e a zona onde viviron, consecuencia do dominio estadounidense e o atraso das relacións de produción, determinaron a súa sensibilidade fronte aos agudos problemas sociais. A participación activa das irmas Mirabal na  loita contra Trujillo ganoulles a fama de revolucionarias, motivo máis que suficiente para que en certa ocasión Trujillo manifestara ante un grupo de persoas que os seus dous únicos problemas eran as irmas Mirábal e a Igrexa.
 

Que pasou o 25 de novembro de 1960?
 
Minerva e María Teresa foron a visitar aos seus cónxuxes ao cárcere, en compañía da súa irmá Patria. Foron interceptadas nun lugar solitario do camiño polos axentes do Servizo Militar de Intelixencia. Conducidas a un canaveral próximo, foron obxecto das máis crueis torturas, antes de seren vítimas do que foi considerado o crime máis arrepiante da historia dominicana. Cubertas de sangue, esnaquizadas a golpes, estranguladas, foron postas novamente no vehículo no que viaxaban e arroxadas a un precipicio, coa finalidade de simular un accidente.
 
O asasinato das irmas Mirabal produciu un grande sentimento de dor en todo o país, pero serviu para fortalecer o espírito patriótico dun pobo desexoso de establecer un goberno democrático que garantise o respecto á dignidade humana.

A memoria destas valentes irmas, que arriscaron as súas vidas e llas deron, efectivamente, pola causa da muller enchenos de esperanza e danos forza para seguir loitando por unha sociedade igualitaria na que mulleres e homes podamos vivir en fraternidade humana.




Ler máis...

Perpetua para o asasino das fundadoras de "Madres de Plaza de Mayo"

28 oct 2011
Un tribunal de Buenos Aires condenou onte ao excapitán da Mariña Alfredo Astiz a prisión perpetua por delitos de lesa humanidade cometidos na antiga Escola de Mecánica da Armada (ESMA), o maior centro clandestino de detención da ditadura arxentina (1976-1983).

Preto de 200 testemuñas declararon durante 22 meses neste proceso histórico, no que se xulgou a 18 acusados por 85 delitos de lesa humanidade, entre eles os asasinatos de tres das fundadoras de <Madres de Plaza de Mayo>, varios activistas de dereitos humanos vinculados á organización, o xornalista Rodolfo Walsh e dúas monxas francesas Alice Domon e Leonie Duquet.

A ditadura militar instaurada na Arxentina o 24 de marzo de 1976, autodenominada como Proceso de Reorganización Nacional (1976-1983), estableceu unha metodoloxía de eliminación masiva de opositores, que foi considerada xudicialmente como un xenocidio, durante o cal foron detidas-desaparecidas miles de persoas, con utilización en gran escala de centros clandestinos de detención onde se procedía á súa tortura, asasinato e desaparición dos corpos.

Nese contexto os/as fillos/as dos detidos/as-desaparecidos/as foron tratados polas forzas represivas como "botín de guerra", para o que se planificou detalladamente, mesmo por escrito, un sistema de detención de embarazadas, partos clandestinos, falsificación de identidades e simulación de adopcións, co fin de apropiarse dos/as nenos/as. Desa maneira ao redor de cincocentos nenos/as foron apropiados e privados da súa identidade, e en moitos casos levados a vivir con persoas que crían os seus pais e que en realidade foron autores, partícipes ou encubridores do asasinato dos seus verdadeiros pais.

Retendo aos/ás nenos/as nados en catividade e entregándoos/as posteriormente como «botín de guerra» afirmábase o poder do Estado Patriarcal Militar sobre un aspecto característico da identidade feminina, a maternidade. Coa supresión da nai, quebrantábase o lazo humano fundamental, e isto robustecía a crenza de que o Estado Militar controlaba todo sen oposición. Ser capaz de atacar á vida nas súas propias raíces mostraba ao poder militar como absoluto e inmutable. Esta «reorganización», considerada necesaria polos militares para «salvar» á sociedade arxentina, esixía que os/as fillos/as dos/as «subversivos/as» foron apartados dos seus para ser outorgados a «boas familias» (por ex.: de militares ou de clase alta).

Astiz foi alcumado "el angel de la muerte" polo seu aspecto de aparente inocencia. En 1977 era un mozo louro de ollos claros que se infiltrou como vítima cun nome falso na organización das <Madres de Plaza de Mayo> alegando ter un irmán desaparecido. A táctica para sinalar ás sospeitosas era dalas un bico.

Entre o xoves 8 de decembro e o sábado 10 de decembro de 1977 un grupo de militares baixo o seu mando secuestrou a un grupo de 12 persoas vinculadas ás <Madres de Plaza de Mayo>: as tres fundadoras, a 2 monxas e a 7 activistas de dereitos humanos. Horas máis tarde, tras ser torturadas, foron arroxadas aínda vivas ao Río de la Plata desde un dos «vuelos de la muerte».

<Madres de Plaza de Mayo> é unha asociación formada durante o último goberno militar da República Arxentina co fin de recuperar con vida aos detidos desaparecidos, inicialmente, e logo establecer quen foron os responsables dos crimes de lesa humanidade e promover o seu axuizamento.

A constitución da organización non tivo un momento preciso nin un acto formal. Foi un proceso de confluencias entre mulleres buscando fillos/as e netos/as. Naceu dun grupo inicial de doce avoas e nais, que comezaron a finais de 1977 a reunirse de maneira sistemática e a  marchar arredor da pirámide de Mayo, símbolo da libertade.

Inicialmente recoñecíanse entre si levando un pequeno cravo. Posteriomente decidiron cubrirse o cabelo cun pano branco feito coa tea dos cueiros e co nome do fillo/a desaparecido/a. Ese pano converteuse no seu símbolo.

A súa presenza comezou a exercer presión nacional e internacional sobre o destino das persoas que desaparecían na Arxentina (nese momento a situación de indefensión e impotencia dos familiares das persoas desaparecidas era extrema, xa que ningunha democracia do mundo, nin a Igrexa católica, de gran influencia no país, ou as organizacións internacionais humanitarias, estaba disposta a condenar ao réxime militar). Hoxe a asociación está dividida en varias organizacións.

Unha das características esenciais das asociacións da Plaza de Mayo foi a de organizarse básicamente como grupo de mulleres. Iso non significou que os avós e pais, e en xeral outros homes e mulleres non colaborasen coas asociacións, pero a dirección e a representación recaeu sempre sobre mulleres que tiñan desaparecidos. Actuando coma se fosen detectives, elas mesmas organizaron sen medios, un sistema de intelixencia coordinado, percorrendo os xulgados de menores, orfelinatos e casas berce, buscando incoherencias nas adopcións ou "nacementos" estraños da época, observando ás familias sospeitosas de apropiarse dos seus fillos/as e netos/as, tomando fotos dos nenos/as en xardíns de infantes e escolas, etc. Toda esa información era compartida, analizada de maneira sistemática en grupo e rexistrada.

“No están muertos”. Esta idea, expresada primeiro por Jorge Rafael Videla nunha reportaxe, dicindo que non había mortos, había «desaparecidos», foi tomada polas nais na súa loita. Grazas a non aceptación da morte dos desaparecidos, púidose xulgar a moitos represores, porque os crimes non prescribían, ao non aparecer os corpos, ao non confirmarse a morte das vítimas.

Le prometimos a nuestros hijos que no los íbamos a abandonar, y no los hemos abandonado, les prometimos que no iba a haber un sólo militar que pudiera salir a la calle.... y no han podido. Llenamos la ciudad con las fotos de nuestros hijos, con sus hermosos rostros, con sus hermosos ojos, con sus sueños y con sus esperanzas, sin nombres, porque las Madres, en un acto absolutamente revolucionario, «socializamos la maternidad». Creo que es el acto más revolucionario que las Madres hicimos, además de ir a la Plaza. En un momento en donde todos hablaban de la reconciliación, de la paz social, del trabajo, de todas estas cosas que se hablan cuando se quiere que uno se quede tranquilo, de la tolerancia, cuando se hablaba de todo eso, nosotras socializábamos la maternidad. Y qué quiere decir esto: hacernos Madres de todos, sin elegir. Sacamos el nombre de nuestros hijos del pañuelo, dejamos la foto que llevábamos en el pecho colgada y dejamos de pensar en nuestro hijo para pensar en todos”. Hebe de Bonafini.

Varios centos de persoas convocadas por organizacións humanitarias celebraron nas portas do tribunal o anuncio das sentenzas nesta causa, considerada histórica por vítimas e familiares.


Ler máis...

Música para os sentidos

14 oct 2011
S   O   A   S

Día: 22 de outubro de 2011
Hora: 21:00 horas
Lugar: Teatro Principal de Pontevedra
Prezo: 12 euros (10 euros para estudantes)
Venta anticipada: www.servinova.com


Se alguén nos preguntase sobre o nome dalgún compositor de música clásica, todos/as saberíamos contestar: Mozart, Beethoven ou Vivaldi, por pór un exemplo. Pero se nos preguntasen polo nome dalgunha compositora... Que pasaría?.

Ao longo dos séculos a muller estivo relegada a un segundo plano en todas as artes, na música tamén. Sobretodo na clásica. Se botamos a vista atrás, atopamos que no século XIX para que unha muller puidera publicar as súas composicións tiña que facelo baixo o pseudónimo dun home (Jeanine Baganier, compositora francesa, conseguiu o primeiro premio de piano do Conservatorio de París co nome de Freddy Anoka).

Co transcorrer dos anos esta situación foi mellorando. As mulleres, co seu propio nome, foron incorporándose paulatinamente e de pleno á musica. A pesar de todo o camiño percorrido, hoxe, ainda segue sendo moi necesario promocionar o papel das mulleres na música, principalmente na clásica. 

Este é o noso obxectivo con este artigo: reflexionar sobre a desigualdade e discriminación de xénero que todavía persiste na música (a música é unha desas canles socializadores, que non sempre ben, transmiten e reproducen valores e roles sociais). De igual modo, salientar o traballo de mulleres como Rosa Cedrón e Cristina Pato que no seu primeiro proxecto discográfico conxunto conceden un protagonismo absoluto á muller.




Soas, nace co fin de achegar a música clásica a todos os públicos e demostrar á audiencia máis esixente que a tradición galega está dotada dun rexistro tan amplo que permite a incorporación de elementos orquestrais dun modo natural e homoxéneo. Fai referencia a obras de Rosalía de Castro, Yolanda Castaño, Curros Enríquez, Celso Emilio Ferreiro, José Castro -Chané- ou Emilio Batallán. As pezas que o compoñen foron seleccionadas coidadosamente dun repertorio que comprende obras propias e outras de grandes clásicos galegos de diferentes épocas: desde "Negro Caravel", editado no último álbum de Cristina Pato, "The Galician Connection", pasando por unha emocionante versión do "Romance de Mirabella" incluído en "Entre dous mares", de Rosa Cedrón, ademais doutros temas tan significativos como "Unha noite na eira do trigo" ou "Quen puidera namorala".

Cristina Pato e Rosa Cedrón. Ambas artistas ligaron a súa vida profesional á música clásica, Cristina labrándose unha importante carreira como pianista e Rosa co violonchelo. Estes anos de dedicación absoluta, sumados a outros tantos de experiencia no ámbito da música de identidade galega, confluíron neste traballo. Non volo perdades!


Ler máis...

Premio Nobel da Paz 2011

6 oct 2011

Botamos a vista ao redor, e que vemos?, desigualdades que a pesar de ser constantemente combatidas permanecen sempre iguais. É o que moitas persoas vemos, pero non é o único. Neste panorama tamén hai algo distinto. Unha muller que reinvidica os seus dereitos. Outra que leva anos loitando polos seus ideais. Un grupo de xente que traballa por cambiar as cousas.

Estas persoas teñen dentro unha pequena luz. É a luz da curiosidade, do querer saber, da reflexión, do inconformismo e da acción. Son persoas que non están dispostas a vivir por máis tempo cos ollos vendados deixando as cousas como están. Que non se resignan a vivir nun mundo pretendidamente aciago, sombrío e desigual. Persoas que coa súa luz están dispostas a disolver as sombras, a iluminar o camiño encabezando unha marcha cara a un mundo mellor.

Este é a nosa pequena homenaxe as gañadoras do Premio Nobel da Paz 2011, a presidenta de Liberia, Ellen Johnson Sirleaf, a activista, tamén liberiana, Leymah Roberta Gbowee e a iemení Tawakul Karman.  
 
  • Ellen Johnson Sirleaf, inspirou ao mundo ao converterse na primeira muller presidenta de Liberia despois de pasar polo cárcere durante a ditadura de Samuel Kanyon Doe.
  • Leymah Roberta Gbowee, impulsou en 2002 o movemento pacifista e multiétnico Women of Liberia Mass Action for Peace que puxo fin á segunda guerra civil en Liberia un ano despois.
  • Tawakul Karman, encabeza o activismo nas rúas de Iemen para esixir os dereitos universais. A pesar das ameazas e a violencia exercida contra os/as manifestantes pacíficos, mantén xunto cos seus compañeiros/as unha voz poderosa cara á non violencia nun país onde as armas superan en número ás persoas.
Son 3 das 15 mulleres que recibiron este galardón (o Premio Nobel da Paz foi outorgado a 98 persoas e a 20 organizacións desde a súa creación en 1901).


> Mulleres que acadaron o Premio Nobel da Paz <

2011 Ellen Johnson Sirleaf (Liberia), Leymah Gbowee (Liberia) e Tawakkul Karman (Iemen).

2004 Wangari Maathai (Kenia).

Por contribuír ao desenvolvemento sustentable, a democracia e a paz.

2003 Shirin Ebadi (Irán).

Primeira muller musulmá que recibe o premio, pola súa loita en favor dos dereitos humanos, das mulleres e dos nenos.

1997 Jody Williams (Estados Unidos).

Polo seu traballo a prol da prohibición do uso de minas antipersoais e a súa remoción.

1992 Rigoberta Menchú Tum (Guatemala).

Recoñecemento á súa labor na procura da xustiza social e a reconciliación etno-cultural baseada no respecto aos dereitos dos indíxenas.

1991 Aung San Suu Kyi (Birmania).

Sendo prisioneira de conciencia conseguiu que o drama birmano non caese no esquecemento e revelou ao mundo a situación dos dereitos humanos no seu país.

1982 Alva Myrdal (Suecia).

Polo seu apoio aos procesos de desarmamento nos anos 60 e 70.

1979 Madre Teresa de Calcuta (Macedonia).

Recoñecemento ao seu labor humanitario axudando aos marxinados da sociedade, primordialmente enfermos, pobres, orfos, moribundos e persoas sen fogar.

1976 Betty Williams e Mairead Corrigan (Irlanda do Norte).

Pola incansable búsqueda de solucións pacíficas ao conflito armado norirlandés.

1946 Emily Greene Balc (Estados Unidos).

Polos seus traballos pacifístas durante a Primeira Guerra Mundial.

1931 Jane Addams (Estados Unidos).

Polo seu compromiso social.

1905 Bertha von Suttner (Austria). 

  Foi unha das máis destacadas figuras do movemento internacional pola paz e difundiu esta ideoloxía en toda Europa.


De cando en vez, acontecen pequenas anécdotas nun mundo de xigantes. Hoxe, alegrámonos co éxito dunhas semellantes que, coa súa luz, contribuen día a día a avivar a mecha dun gran cambio estrutural.

Ler máis...

Exposición "Elas Ensinan"

2 oct 2011

O 5 de outubro de 2011 inauguramos no Casal de Ferreirós a exposición ELAS ENSINAN, mostra cedida pola Secretaría Xeral da Igualdade ao Centro de Información á Muller no marco das súas actividades de fomento da igualdade, difusión e sensibilización cidadá.

Esta exposición pretende dar a coñecer aspectos da sociedade dende unha perspectiva de xénero a través do exemplo de mulleres educadoras e pedagogas que nos séculos XIX e principios do XX (unha etapa de dificultades económicas, históricas e sobre todo sociais) se incorporaron ao mercado laboral.


A exposición consta de 20 paneis (2 explicativos sobre os contidos e 18 sobre a vida e o traballo de 18 mestras seleccionadas): 

  • Matilde Bares Giráldez
  • Ángela Blanco Pérez
  • Celia Brañas y Fernández Miranda
  • Blanca Calvo Moraso
  • Elena Cortizas Figueroa
  • María Dolores Díaz Baliño
  • Otilia Doniz Álvarez
  • Sarah Escarpizo Lorenzana Couto
  • María de las Mercedes Goicoa Fernández
  • Maruxa Gutiérrez González
  • Josefa Iglesias Vilarelle
  • Sara Leirós Fernández
  • Antonia Marbán Vázquez
  • Antonia Ortiz Currais
  • Milagros Otero Túñez
  • Carmen Pardo Losada
  • María Ignacia Ramos Díez 'María Silgar'
  • Trinidad Valcarce Pestaña

A mostra complétase cunha base de datos na que se poden consultar as biografías das 547 educadoras que son parte da obra na que se basea a exposición, "Mulleres na Educación en Galicia" pero que non aparecen nos paneis.  (Mulleres na Educación en Galicia. Coord. María José Mendez Lois. Xunta de Galicia. 2009. ISBN: 978-84-453-4809-3).

A historia da escola en Galicia está chea de nomes femininos. Estas precursoras da pedagoxía apostaron con paixón e dedicación polo ensino. Na loita pola igualdade real, a docencia foi un dos ámbitos nos que a muller foi quen de penetrar con maior celeridade e profundidade. Non te perdas esta homenaxe á participación feminina no mundo laboral e ao seu papel transformador da sociedade.



>> Días e horario de apertura <<

Do 5 ao 13 de outubro no Casal de Ferreirós (horario de mañá).
Do 13 ao 19 de outubro no IES de Poio.



Ler máis...