Violencia 0: visibilizando o encuberto

1 dic 2011


A prevención a través da sensibilización constitúe unha das claves na loita contra a violencia de xénero. A súa gravidade, o alto custo social e económico e en especial a degradación que produce a violación do dereito das persoas a ser tratadas como tales, convértea nunha cuestión de relevancia universal que precisa ser visibilizada.

Os videos que aparecen a continuación forman parte da campaña de sensibilización do Centro de Información á Muller do Concello de Poio con motivo do Día Internacional contra a Violencia de Xénero. O seu obxectivo é concienciar para erradicar a violencia contra as mulleres e conseguir o seu rexeitamento social. 

Lembrar, neste sentido, que calquera muller pode sufrir malos tratos, porque o único factor de risco é ser muller. 


Recibín Flores Hoxe



Recibín Flores Hoxe amosa unha situación continuada de maltrato dende o punto de vista da vítima. Reflicte o ámbito íntimo e privado dunha moza, sen a presenza doutras persoas, incluido o agresor, co que mantén unha relación de afecto e dependencia.

O relato da protagonista debuxa o ciclo da violencia, con incidentes agudos de maltrato e situacións reiteradas de reconciliación e perdón. Salienta un aspecto característico da violencia de xénero: a ocultación aos ollos externos e percorre o estado emocional dunha persoa maltratada (a negación, o perdón, a esperanza no cambio da outra persoa, a angustia, o temor, a culpabilización...). De igual xeito, pon de manifesto os sinais do maltrato, o poder e o control: a manipulación, a intimidación, a ameaza, o illamento, a dependencia...

A repetición de actos vai menguando e minando a vontade da moza e a súa capacidade de reacción o que contribúe a soster e manter a relación de violencia.

«CRÉDITOS» Idea orixinal: CIM de Poio. Aportacións imprescindibles: Raquel Morales, Lidia Salgueiro, Lidia Fazanes, Maica Nesta. Guión e edición: Beatriz Otero. Colaboracións e agradecementos: Ana Piñera, Lidia Sueiro, Ana Raña, Alicia Veiga. Rótulos: Mariano Alejandro Osorios Murillo (Mariano Osorio), "Recibí Flores Hoy" no disco "Reflexiones II". Música: Banda sonora da película "O Piano" de Michael Nyman.


Violencia de Xénero



Violencia de Xénero é unha adaptación dunha campaña do Ministerio de Xustiza e das Liberdades do Goberno Francés moi coñecida. Incide na gravidade das secuelas dun maltrato continuado e o alto custe que supón o mantemento dunha relación violenta.

Os títulos están escritos en francés (orixinais), galego e castelán. A música é do grupo galego Espido composto por Guadi Galego e Guillermo Fernández.

«CRÉDITOS» Idea orixinal: Ministerio de Xustiza e das Liberdades e INAVEM (Francia) - CIM de Poio. Aportacións imprescindibles: Raquel Morales, Lidia Salgueiro, Lidia Fazanes, Maica Nesta. Guión e edición: Beatriz Otero. Música: "Soñarei" de Espido, Guillermo Fernández e Guadi Galego (voz).



Non o permitas: actúa


Campaña de Aministía Internacional: A discriminación xera violencia. Non o permitas: actúa.
 

"Unha de cada 3 mulleres no mundo... foi golpeada, violada ou agredida... ao longo da súa vida".  

"Ti disto non entendes". "A min non me tourea ningunha muller". "En casa eu levo os pantalóns". "Váiseche a pasar o arroz". "Só dous de cada dez directivos son mulleres". "E que unha filla non é o mesmo que un fillo". "O 15% das mulleres asasinadas... estaba en proceso de separación". "Muller tiña que ser!"."Vístese así para que a miren". "A violencia no fogar provoca máis mortes que o cancro". "Déixao, isto é cousa de homes". "Mira a ver que lle pasa á nena".



2 comentarios:

Anónimo dijo...

Gracias pola vosa colaboración na extinción da violencia de xénero a través da sensibilización. E unha forma máis de informar e formar, eu creo plenamente na educación e isto ten que ir cambiando.

Rosa

CIM de Poio dijo...

Moitísimas grazas a ti Rosa polo teu comentario e interese. Estamos totalmente de acordo, a educación é a base para ir cambiando todo isto.